Life + Natura 2000

A Unión Europea dispón dunha serie de instrumentos e figuras propias para o apoio de proxectos medioambientais e de conservación da natureza en todo o seu territorio.

Fervenza do río Toxa
Fervenza do río Toxa

LIFE+

LIFE+ é o único instrumento financeiro da Unión Europea dedicado, de forma exclusiva, ao medio ambiente, para o período 2007-2013. O seu obxectivo xeral é o de contribuír á aplicación, actualización e desenvolvemento da política e da lexislación comunitaria en materia de medio ambiente, incluída a integración deste noutras políticas co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible. Consta de tres ámbitos temáticos: LIFE+ Natureza e Biodiversidade, LIFE+ Política e Gobernanza Medioambientais e LIFE+ Información e Comunicación.

Desde o ano 1992, o programa LIFE+ ten cofinanciado máis de 3.000 proxectos de protección do medio ambiente no ámbito da Unión Europea, o que supón unha inversión aproximada de 2 billóns de euros.  

Rede Natura 2000

Natura 2000 é a rede de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea, creada en virtude da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (a coñecida como directiva de hábitats), con obxecto de salvagardar os espazos naturais mais importantes de Europa. Componse de Zonas Especiais de Conservación (ZEC), declaradas polos Estados membros con relación á directiva de hábitats e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), que se designan de acordo coa Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.

A finalidade da Rede Natura 2000, en virtude dos obxectivos establecidos no Convenio sobre Diversidade Biolóxica -aprobado no Cumio da Terra de Río de Janeiro en 1992-, é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo así a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso da actividade humana.
En función das características e da variedade de vexetación, clima e xeoloxía de cada zona, a Unión Europea ten establecidas nove rexións bioxeográficas na Rede Natura 2000. O territorio galego está incluído na atlántica.

Réxime de protección no territorio Margal Ulla

Para a incursión dun determinado espazo na Rede Natura 2000, os diferentes países propoñen Lugares de Importancia Comunitatia (LIC), ecosistemas protexidos co obxecto de contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais.

Na cunca do río Ulla atópanse algúns destes LIC: sistema fluvial Ulla-Deza, Brañas do Xestoso, Serra do Candán, Monte Faro, Serra do Careón e Sobreirais do Arnego.

Todos estes espazos están tamén considerados Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) en virtude da Lei galega 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza.

Como medida de apoio ao proxecto Margal Ulla, a Consellería do Medio Rural ten previsto ampliar a Rede Natura 2000 dentro da zona de actuación deste, co fin de asegurar a conectividade das especies e/ou protexer as zonas críticas de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus.

Actualizado a: 23/02/2011

Novas

26/02/2018
Desfruta do documental do proxecto LIFE Margal Ulla premendo nesta ligaz...
03/05/2016
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato...
Consulta toda a documentación do proxecto e outros procesos de interese.
Coñece outros proxectos desenvolvidos ao abeiro do programa LIFE+.
Subscríbete ao boletín trimestral de novidades do proxecto Marga Ulla.

Acceso restrinxido

Natura 2000
Proxecto LIFE
USC
Augas de Galicia
Consellería de Medio Rural