Localización

A área obxecto de Margal Ulla, como o seu nome indica, é a cunca do Ulla, o segundo río galego en lonxitude (131 quilómetros) e caudal absoluto (70,3 m3/sg) e cunha ampla rede fluvial que abrangue unha extensión de 2.803 quilómetros cadrados.

  • Imaxe
  • Imaxe
  • Imaxe
  • Imaxe

A zona de actuación do proxecto correspóndese coa da área que engloba o curso principal do Ulla, desde a súa desembocadura ata o embalse Touro I, así como as cuncas dos afluentes Vea, Liñares, Oca, Deza, Arnego e os do Ulla Alto. Tan só queda fóra desta actuación a cunca do Sar.

Esta área posúe un clima oceánico-húmedo cunha temperatura media anual que oscila entre os 12º e os 16ºC e precipitacións abundantes (en todos los tramos se superan os 1.100 mm e nalgúns mesmo os 2.000 mm), aínda que cunha marcada seca estival.

No que atinxe á fauna, os vertebrados terrestres máis sinalados son o merlo acuático, o picapeixe ou martiño pescador, a garza real, a lavandeira real, a toupa de río e a londra. En canto ás especies de peixes, as máis relevantes son a lamprea mariña, a anguía, a boga, a zamborca, a troita, reo e mailo salmón atlántico. Tamén se poden atopar, aínda que de xeito máis restrinxido, exemplares de espiñoso e de reñosa ou bermejuela. Entre os anfibios urodelos cabe destacar a píntega rabilonga, endémica do noroeste de España e do norte de Portugal, mentres que entre os invertebrados destaca a presenza do mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e as libélulas Macromia splendens (Pictet, 1843) e Coenagrion mercuriale (Charpentier, 1840).

En canto á vexetación, potencial ou natural, no tramo alto da cunca correspóndese cunha carballeira da asociación Vaccinio myrtilli-Quercetum roboris, propia das montañas da zona media de Galicia. Tamén predominan os cultivos arbóreos, principalmente de piñeiro e os prados de dente propios da alianza Cynosurion cristati. Nas zonas medias e baixas da cunca atópase como vexetación natural a asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris, na que destaca a presenza de especies de óptimo mediterráneo como a sobreira ou o carpazo, aínda que neste caso cunha presenza escasa por mor da maior ocupación humana , motivo polo cal predominan os prados e algúns cultivos como o millo.

En canto ás marxes do río, nelas desenvólvese fundamentalmente un bosque aluvial caracterizado pola presenza de ameneiro acompañado de salgueiro, bidueiro, carballo ou sanguiño, entre outras árbores. Tamén se pode atopar a asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae, moi ameazada en numerosos tramos pola presión antrópica, que a restrinxe na meirande parte dos casos a unha ringleira desestruturada de árbores.

Actualizado a: 13/06/2011

Novas

26/02/2018
Desfruta do documental do proxecto LIFE Margal Ulla premendo nesta ligaz...
03/05/2016
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato...
Consulta toda a documentación do proxecto e outros procesos de interese.
Coñece outros proxectos desenvolvidos ao abeiro do programa LIFE+.
Subscríbete ao boletín trimestral de novidades do proxecto Marga Ulla.

Acceso restrinxido

Natura 2000
Proxecto LIFE
USC
Augas de Galicia
Consellería de Medio Rural