O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolle este xoves, á partir das 9:30 horas, a xornada de presentación de Margal Ulla, que se pechará coa constitución do seu grupo de traballo.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, coordina o proxecto Margal Ulla para a recuperación da náiade –Margaritifera margaritifera- e a toupa de río -Galemys pyrenaicus- na cunca do río Ulla, no que tamén participan Augas de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
Diferentes expertos/as nas especies obxecto de Margal Ulla e responsables do proxecto porán en común este xoves, en Santiago de Compostela, as primeiras accións emprendidas no marco desta iniciativa, que conta co apoio económico da Unión Europea a través do instrumento financeiro Life e que ten por obxecto a recuperación da náiade –Margaritifera margaritifera- e a toupa de río -Galemys pyrenaicus- na cunca do río Ulla.
A xornada de presentación do proxecto, que coincide tamén coa publicación do seu portal web, comezará ás 9.30 horas da mañá coas intervencións de Ricardo García-Borregón Millán, director xeral de Conservación da Natureza; Francisco Menéndez Iglesias, Presidente de Augas de Galicia; e do doutor Pablo Ramil Rego, vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela.
Ás 10.00 horas, o xefe de Servizo de Conservación da Biodiversidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o doutor Jesús Santamarina Fernández, presentará os principais obxectivos e accións que se van levar a cabo no proxecto Margal Ulla para dar paso, a continuación, a dous expertos que falarán sobre a problemática da conservación da náiade -Margaritifera margaritifera- e da toupa de río -Galemys pyrenaicus-. Abordarán esta cuestión a doutora Mª Paz Ondina Navarret, profesora titular do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela; e o doutor Jorge González Esteban, de Estudios Medioambientais e Territoriais.
A xornada concluirá cunha mesa de intervencións que se centrará na análise dos resultados doutros proxectos Life de características semellantes a Margal Ulla ou que tamén se desenvolveron ou desenvolven nestes momentos en España. Sobre eles, falarán José Luis Gutiérrez García, técnico da Sección de Espazos Naturais e Especies Protexidas de Zamora, da Junta de Castilla y León, que dará a coñecer os detalles do proxecto Life Náyade; Ruth González Reyes, técnica de xestión e planificación do Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra, que compartirá as primeiras experiencias do proxecto Viñas Atlánticas; e a técnica do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, a doutora Laura Vázquez Janeiro, que falará sobre o proxecto Parga-Ladra-Támoga.
As persoas que desexen asistir a esta xornada poden inscribirse a través do correo margalulla.mr@xunta.es