Actualidade

Medio Rural, Augas de Galicia e a USC tamén abordaron a caracterización da calidade química e biolóxica dos cursos da bacía

O inventariado das poboacións de náiade e toupa de río centrou as actuacións dos socios de Margal Ulla durante o verán

Ao longo do pasado verán, os distintos equipos de traballo da Consellería de Medio Rural,  Augas de Galicia e da USC que participan no proxecto comezaron a realizar diversas actuacións previstas no mesmo, destacando en especial o inventario das poboacións de mexillón de río ou náiade (Margaritifera margaritifera), de toupa de río (Galemys pyrenaicus), e a caracterización da calidade química e biolóxica dos cursos da bacía.

  • Diante do cartel Life no río Arnego
    Diante do cartel Life no río Arnego
  • Exemplar de náiade atrapado entre as pedras, morto pola baixada do nivel da canle
    Exemplar de náiade atrapado entre as pedras, morto pola baixada do nivel da canle
  • Aspecto do rego Portapego
    Aspecto do rego Portapego
  • Proceso de extracción de hemolinfa
    Proceso de extracción de hemolinfa
  • Sabela Lois (contratada para o proyecto Life na USC) e Fernando Rodríguez Brea (técnico do servizo de Conservación da Natureza, Xunta de Galicia) co Dr. F. Thielen no Moulin de Kalborn
    Sabela Lois (contratada para o proyecto Life na USC) e Fernando Rodríguez Brea (técnico do servizo de Conservación da Natureza, Xunta de Galicia) co Dr. F. Thielen no Moulin de Kalborn
Santiago de Compostela , 16 de novembro de 2011 ás 11:18.- 

Malia que estes traballos están aínda en curso, ou se están a analizar os seus resultados, adiantamos algunhas das accións realizadas e dos primeiros datos relevantes recollidos nos mesmos:

1. Os carteis informativos do proxecto foron situados en sitios estratéxicos da bacía, para dar a coñecer este á poboación local.

2. Identificáronse novos núcleos de poboación de Margaritifera margaritifera en diferentes tramos do alto Ulla e do Arnego, onde se encontran as maiores abundancias da bacía. Localizouse tamén unha reducida poboación no río Furelos e no Ulla medio, nos que non se tiña constancia da presenza da especie.

3. Seleccionáronse diferentes tramos da cunca do Ulla para realizar estudos de densidade das náiades, e tomado os datos necesarios para analizar a estrutura de idade da poboación.

4. Localizáronse núcleos poboacionais na conca doutras dúas especies de náiades, Unio pictorum e Potomida littoralis, ambas as dúas figuran no "Catálogo Galego de Especies Ameazadas" (Decreto 88/2007) como "vulnerables".

5. O inventario que se está a realizar de Galemys pyrenaicus estende a presenza desta especie a diversos cursos da bacía. Así, detectáronse restos da especie nos excrementos do seu predador natural, a londra, nos ríos Liñares, Prevediños, alto Deza, Iso e Alto Ulla.

6. A forte seca que está a sufrir durante este ano a bacía parece estar a afectar ás poboacións de Margaritifera margaritifera, provocando mortalidade de exemplares nas súas xa minguadas poboacións. Así se encontraron exemplares mortos nas beiras dalgúns tramos do río Ulla que quedaron en seco. Estes baixos caudais de estiaxe resultan especialmente perigosos nun momento crítico para as náiades, como é o período de expulsión de gloquidios.

7. A forte seca na conca alta do Ulla tamén deixou en seco canles que poderían estar habitadas pola toupa de río. Así, cursos de ata 7 metros de anchura en primavera, como o río Moreira ou Rao, próximo a Monterroso, quedaron completamente en seco durante esta estiaxe. Noutros dous ríos desta zona da Ulloa (Río da Ponte Vileda e Río Seco)  identificáronse tramos en similares condicións. A toupa de río require de augas permanentes, xa que ten un elevado metabolismo e para mantelo require da dispoñibilidade de macroinvertebrados bentónicos, que nestas condicións desaparecen.

8. A acidificación de orixe mineira procedente da antiga explotación de río Tinto en Touro, está a afectar aos ríos Brandelos e Lañas. Así, algúns tramos de ambos os dous cursos, augas abaixo da antiga explotación mineira de Touro, estaban practicamente desprovistos de poboacións de macroinvertebrados bentónicos, base da alimentación da toupa de río. Realizáronse visitas á zona para analizar o comportamento destes ríos e o posible impacto da antiga explotación mineira, comprobando que o baixo pH detectado ten a súa orixe nos mananciais ácidos que conforman o rego Portapego (afluente do río Lañas). Os resultados analíticos das mostras tomadas confirman unha redución na concentración de sulfatos e metais respecto ao nacemento, debido aos tratamentos de recuperación instalados no rego Portapego para paliar esta acidificación. Coas accións que se van a desenvolver (acción A7) irase coñecendo de xeito máis exhaustivo o comportamento, causas e medidas necesarias para paliar a acidificación detectada.

9. En base ás mostraxes biolóxicas e físico-químicos dos ríos da bacía, advírtense indicios de contaminación que poden proceder de actividades gandeiras, contaminación residual, e alteración do hábitat (como poden ser ribeiras degradadas, alteracións do sedimento por arrastre de finos, etc); as relacións causa-efecto concretas poderanse establecer unha vez realícese o inventario específico de presións previsto na acción A7.

10. Comezouse a realizar o proceso de análise xenética coa extracción e tratamento previo do DNA (hemolinfa) de diferentes núcleos poboacionais de náiades, tal e como estaba previsto no calendario de actuacións.

11. En setembro capturáronse con pesca eléctrica troitas 0 + en diferentes puntos da conca do Ulla, e trasladado á piscifactoría de Carballedo onde permanecerán ata o momento da infestación, para o cultivo do mexillóns de río.

12. A primeira semana de setembro tres membros do grupo de traballo da USC e un técnico da consellería do Medio Rural, visitaron a estación de cultivo do mexillón de río do Moulin de Kalborn (Luxemburgo). A estación é o resultado do proxecto "Life Die Flussperlmusche" (LIFE05 NAT/L/000116) e con esta visita tívose a oportunidade de estudar in situ o proceso de cultivo, así como as diferentes actuacións levadas a cabo no medio durante o proxecto.

13. Presentouse o proxecto Life Margal Ulla cunn póster de exposición estable no congreso As Reservas da la Biosfera como estratexia territorial de sustentabilidade nun curso de verán organizado polas Universidades de Vigo e León, e, seguindo o compromiso de divulgación, con dous artigos publicados na revista Cerna editada pola asociación ecoloxista galega ADEGA.

Actualizado a: 07/02/2012

Novas

26/02/2018
Desfruta do documental do proxecto LIFE Margal Ulla premendo nesta ligaz...
03/05/2016
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato...
Consulta toda a documentación do proxecto e outros procesos de interese.
Coñece outros proxectos desenvolvidos ao abeiro do programa LIFE+.
Subscríbete ao boletín trimestral de novidades do proxecto Marga Ulla.

Acceso restrinxido

Natura 2000
Proxecto LIFE
USC
Augas de Galicia
Consellería de Medio Rural