Actualidade

Medio Rural impulsará a recuperación e mellora do ecosistema fluvial da cunca do Ulla a través do proxecto Life +

Con este proxecto crearanse as condicións necesarias para a recuperación do mexillón de río e da toupa de río, no que se investirán ao redor de 3,7 millóns de euros.

O ámbito de actuación circunscríbese a gran parte da cunca do río Ulla, na que se atopan varios Lugares de Interese Comunitario pertencente á Rede Natura 2000.

  • O director xeral de Conservación da Natureza, na inauguración da xornada de presentación do Proxecto Life+ Margal-Ulla
    O director xeral de Conservación da Natureza, na inauguración da xornada de presentación do Proxecto Life+ Margal-Ulla
  • O director xeral de Conservación da Natureza, na inauguración da xornada de presentación do Proxecto Life+ Margal-Ulla
    O director xeral de Conservación da Natureza, na inauguración da xornada de presentación do Proxecto Life+ Margal-Ulla
  • Imaxe
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2011 ás 17:19.- 

A Consellería do Medio Rural impulsará a recuperación e mellora do ecosistema fluvial da cunca do Ulla. O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, inaugurou esta mañá no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia a xornada de presentación do Proxecto Life + Margal-Ulla, dirixido á recuperación e mellora da calidade medioambiental na cunca do río Ulla.

Esta iniciativa da Consellería do Medio Rural, coordinada a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tamén inclúe a implicación desta Consellería das direccións xerais de Produción Agropecuaria e a de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais. No proxecto participan, ademais, Augas de Galicia e a Universidade de Santiago. O obxectivo desta xornada é dar a coñecer as actuacións que se van a realizar na cunca do río Ulla para a recuperación das poboacións da náiade ou mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e a toupa de río (Galemys pyrenaicus). O orzamento deste proxecto está financiado ao 50% pola Unión Europea e Medio Rural, cun importe total de case 3,7 millóns de euros.

Toupa e mexillón de río

Tanto o mexillón de río como a toupa de río atesouran grandes singularidades adaptativas ao medio acuático e atópanse en declive en toda a súa área de distribución, sendo os nosos ríos uns dos seus últimos refuxios, polo que os galegos temos sobre elas unha grande responsabilidade en termos da súa conservación.

Ambas especies atópanse moi vencelladas á calidade do noso propio medio ambiente, xa que son indicadoras do bo estado dos ríos, e a súa conservación beneficia a outras moitas especies ligadas ao medio fluvial, incluíndo as de interese piscícola.

O ámbito de actuación circunscríbese a gran parte da cunca do río Ulla, na que se atopan varios Lugares de Interese Comunitario (LICs) pertencente á Rede Natura 2000, entre os cales destaca o sistema fluvial Ulla-Deza.

Mellora da dinámica fluvial

Cunha duración de 5 anos, o proxecto desenvolverá -entre os anos 2010 e 2015- un programa de actuacións que teñen como obxectivo corrixir os factores causantes do declive destas dúas especies, e que están estreitamente relacionadas tanto coa perda de calidade das augas como da dinámica natural do ecosistema fluvial.

Entre as principais actuacións que se realizarán destacan a identificación de focos de contaminación; avaliación da calidade do medio; restauración de canles e bosque de ribeira; mellora da dinámica fluvial, mediante a eliminación de obstáculos e adecuación de frezadeiros para as especies piscícolas; establecemento de directivas, para a xestión dos ríos da cunca; implantación de boas prácticas agrarias e reforzamento das poboación de Náiade, así como a súa reintroducción nos tramos nos que desapareceu.

Outros proxectos Life +

No marco desta xornada, tamén se darán a coñecer os resultados e as experiencias doutros proxectos Life en proxectos medioambientais e de biodiversidade ligados coa conservación dos medios fluviais. Deste xeito, presentaranse os resultados do Proxecto Life + Náyade, desenvolto pola Xunta de Castela e León, na provincia de Zamora; do Life Parga – Ladra – Támoga, impulsado pola Deputación de Lugo e do Proxecto Life Atlántic Vineyards, da Deputación de Pontevedra.

Actualizado a: 28/06/2011

Novas

26/02/2018
Desfruta do documental do proxecto LIFE Margal Ulla premendo nesta ligaz...
03/05/2016
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato...
Consulta toda a documentación do proxecto e outros procesos de interese.
Coñece outros proxectos desenvolvidos ao abeiro do programa LIFE+.
Subscríbete ao boletín trimestral de novidades do proxecto Marga Ulla.

Acceso restrinxido

Natura 2000
Proxecto LIFE
USC
Augas de Galicia
Consellería de Medio Rural