O pasado mércores día 25 de xuño, a partir das 16:00 h, celebrouse no IESA Xelmirez II de Santiago de Compostela unha xornada de divulgación sobre proxecto Life + MARGAL ULLA.
A xornada, de dúas horas de duración, estivo orientada a difundir entre a comunidade educativa as actividades deste proxecto orientadas á mellora da calidade dos ríos na bacía do río Ulla para recuperar as poboacións de dúas das especies máis ameazadas que o habitan; o Mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e a Toupa de río (Galemys pyrenaicus).
Esta actividade tamén forma parte das actividades de difusión do Mexillón de río como “Molusco do Ano 2014” da Sociedad Española de Malacología.
A recuperación das poboacións de especies ameazadas ligadas á calidade dos ecosistemas acuáticos constitúe sempre un gran reto para a Administración xa que frecuentemente as causas do seu declive derivan de procesos relacionados coa nosa actividade diaria. Estes ecosistemas sofren os impactos orixinados en nosa actividade socioeconómica, desde as verteduras domésticas que xeramos, a actividade agrícola que nos sustenta ou as infraestruturas que nos achegan enerxía, comunicacións e materias primas, así como aquelas presións derivadas da globalización e do cambio climático.
Reverter o declive destas especies leva implícito realizar cambios en prácticas moi enraizadas na sociedade, que dificilmente as asumirá senón é consciente da súa importancia. É por elo que os responsables do proxecto Life MARGAL ULLA están a abordar co apoio de profesores do ensino secundario a tarefa ineludible de informar, implicar e sensibilizar ás novas xeracións deste importante patrimonio natural ligado ós nosos ríos. Con esta finalidade elaboráronse unhas unidades didácticas específicas que están dispoñibles na páxiña web do proxecto http://margalulla.xunta.es/gl e organizouse esta xornada divulgativa, na queparticiparon 20 profesores da área de Santiago e outros concellos da bacía do río Ulla.
O proxecto LIFE MARGAL ULLA
O proxecto MARGAL ULLA (LIFE09NAT/ES/000514), nace co obxectivo de mellorar a calidade do ecosistema fluvial e frear o declive de dúas especies moi ameazadas para as que Galicia ten unha gran responsabilidade para a súa conservación, o Mexillón de río e a Toupa de río, comezando por garantir a viabilidade das poboacións existentes na bacía do río Ulla. Este proxecto conta coa cofinanciación do 49,68 % dos Fondos Life + Natureza e Biodiversidade.