Margal Ulla
Publicado en Margal Ulla (http://margalulla.xunta.es)

Inicio > Actualidade > Constitúese o grupo de traballo de Margal Ulla tras unha xornada que incluíu visitas ao territorio de actuación

Constitúese o grupo de traballo de Margal Ulla tras unha xornada que incluíu visitas ao territorio de actuación

Científicos, asociacións agrarias e de desenvolvemento rural, ONGs implicadas na conservación dos ríos, axentes e vixilantes de Medio Ambiente, entidades locais e técnicos do proxecto, entre outros colectivos, participaron hoxe nunha xornada de presentación do proxecto ás partes interesadas.

A actividade incluíu visitas a varios puntos da área de actuación de Margal Ulla.

  • Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
    Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
  • Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
    Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
  • Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
    Visita á área de actuación do proxecto Margal Ulla na súa presentación ás partes interesadas
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2011 ás 20:45.- 

Máis de 30 persoas participaron ao longo desta xornada na presentación de Margal Ulla ás partes interesadas do ámbito deste proxecto. Entre os obxectivos principais desta actividade, estaban o de dar a coñecer as particularidades deste proxecto entre os colectivos locais que asistiron á presentación, transmitirlles a importancia da recuperar o ecosistema fluvial do Ulla e das dúas especies obxecto deste, a náiade ou mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e a toupa de río (Galemys pyrenaicus), e conformar un grupo de traballo. Este, será o encargado de servir como órgano de consulta co entorno social das diferentes accións que se leven a cabo no proxecto (educación ambiental, elaboración de boas prácticas agrarias…), de recepcionar a información relacionada coa evolución das actuacións do proxecto e dos seus resultados, e de participar nas reunións de seguimento.

Durante a xornada, o grupo de traballo realizou unha serie de visitas in situ a diversas zonas de actuación, complementadas todas elas por mesas de presentación de cada unha das entidades que participan en Margal Ulla.

Visitas no río Arnego, en Riobó e no Centro Ictiolóxico de Ximonde

A xornada comezou no concello pontevedrés de Vila de Cruces cunha visita ao río Arnego. Nela, a profesora titular do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mª Paz Ondina, e Sabela Lois Lugilde, do mesmo departamento, realizaron unha exposición do material de visualización de Margaritifera margaritifera no río, explicando aos participantes a morfoloxía e fisionomía da especie e o método de mostraxe poboacional empregado.

A xornada continuou na Casa Grande de Fontemaior (Silleda) coas exposicións das actividades do proxecto por parte de Jesús Santamarina Fernández, xefe de servizo de Conservación da Biodiversidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería do Medio Rural); e de Jesús Latas Zavala e Fernando Rodríguez Brea, das xefaturas territoriais de Conservación da Natureza de Lugo e Pontevedra, respectivamente. Interviron tamén, por parte da USC – Campus de Lugo,  Mª Paz Ondina Navarret e Sabela Lois Lugilde; por parte da USC –Campus de Santiago, Juan Manuel Antelo Cortizas, catedrático do departamento de Química Física da USC; por parte de Augas de Galicia, Belén Quinteiro Seoane, xefa de Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica desta entidade; e por último, e por parte da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, César Iglesias, xefe de servizo de Formación Agroforestal, da mesma Consellería. Estas intervencións pecháronse coa sinatura da constitución do grupo de traballo de Margal Ulla.

Xa pola tarde, a xornada continuou con visitas a Riobó (A Estrada), unha das zonas de actuación do proxecto para a mellora do hábitat de Galemys pyrenaicus, e pechouse, ao pé do Ulla, no Centro Ictiolóxico de Ximonde, onde os participantes puideron coñecer cales van ser as instalacións que se construirán no marco deste proxecto para realizar a reprodución ex situ –e posterior reintrodución no río- de Margaritifera margaritifera.

Actualizado a: 29/06/2011